Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Padrón presenta a súa oferta de actividades físico-deportivas para o curso 2020-2021 baixo un estrito protocolo de seguridade pola Covid-19


O inicio de curso está previsto para o vindeiro 5 de outubro, e as inscricións poderán realizarse a partir do 21 de setembro

O Concello de Padrón presentou unha ampla oferta deportiva para o curso 2020-2021 cun estrito protocolo de seguridade sanitaria pola situación xerada pola pandemia da Covid-19. A vindeira semana, o 21 de setembro, abrirase a convocatoria de matrícula para as persoas que estean empadroadas no Concello de Padrón, e a partir do día 28 abrirase para todo o público. O concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez, explicou que “durante os últimos meses traballaron intensamente para organizar estas actividades e, sobre todo, para adaptarse a todas as medidas das autoridades sanitarias e as necesidades dos padroneses e padronesas”.
Así, o novo curso comeza con numerosas medidas hixiénico-sanitarias co obxectivo de protexer aos usuarios das escolas deportivas e das actividades físico-deportivas. No mesmo momento no que se realice a solicitude de matrícula, todos os usuarios recibirán as instrucións que deberán seguir no transcurso das actividades unha vez se retome a actividade. Recentemente, a Xunta de Galicia aprobaba a obrigatoriedade do uso da máscara nos ximnasios e espazos deportivos pechados.
As clases comezarán o día 5 de outubro e rematarán o 16 de xuño de 2021, en concordancia co calendario escolar habitual. Se ben, en función da evolución dos contaxios por coronavirus todas as actividades poden sufrir modificacións, de xeito que incluso cheguen a anularse en caso de que as autoridades sanitarias o indiquen. Do mesmo xeito, se a evolución da pandemia é favorable poderían incorporarse novas actividades á oferta deportiva.

Para realizar a matrícula ou obter máis información, os usuarios deben contactar por email con deportespadron@yahoo.es, a través do teléfono 664 076 974 ou 981 811 329 ou dirixirse á Oficina de Deportes Campo do Souto do Centro Social do Concello de Padrón. As prazas das actividades con límite de aforo asignaranse en función da orde de inscrición.